Ezetaerre
A traxectoria do grupo comezou en xuño de 2015, cando os tres integrantes fixeron unha canción satírica contra a fusión de facultades na Universidade da Coruña.[1] A finais dese mesmo ano, publicaron «Berros do mar», tema que se integrou posteriormente na maqueta do grupo, publicada en marzo de 2016 e composta por 10 temas.
En maio de 2016, gañaron o III Premio Revenidas de Música Emerxente, que lles deu a oportunidade de actuar en directo na edición dese ano do Festival Revenidas (Vilaxoán).
En xullo do mesmo ano, o grupo publicou A herdanza do vento, con Iago Pico na produción e Néboa Films na realización do videoclip. Foi o primeiro traballo do grupo da man do selo independente Santa Guerrilla.
En febreiro de 2017, o grupo editou o seu primeiro traballo de estudo, Aspiracións mínimas e urxentes, un LP de 8 temas producido por Iago Pico en Pousada Son Studios. O día do lanzamento do disco, o grupo publicou na súa canle de YouTube un videoclip por cada tema, sendo a primeira banda galega en sacar 8 videoclips nun mesmo día.
En novembro dese ano, e como homenaxe ao centésimo aniversario da Revolución Rusa, a banda editou o seu EP 100. Este álbum, composto por 3 temas, contou coa produción de Iago Pico e a colaboración dos grupos Satxa e Banda Bassotti.